Como se pode adiviñar, refírome á fin da tempada de estrada.
Pobre de nós. O bo é, ao igual que pasa cos "sanfermines", que xa falta menos para a próxima.
A partir de agora principalmente MTB. Con iso recuperamos a José, Necho e Manuel.
Na última (por agora) saída de estrada, uns ata Fisterra con Oliveira, CC Ames, CC Botafumeiro, e outros, os máis, un anaco esta ruta e despois a non sei onde.
Reunímonos en Bertamiráns, sobre as nove. Que se no New York, que se en Don Budi, ao final na praza de sempre, papando frío, facéndolle compañía á muller de Rafa "o vasco" do Ames, que estaba a esperar a furgo de Oliveira para cargar as bolsas de deporte.
Estabamos Suso Beis, Kiko, Sergio, Ito, Andrés, Panchito, Jorge, Oscar, Juan, José e eu.
José de visita; ía en MTB, fiel aos seus principios.
Niso, chegou o pelotón, que saíra do Obradoiro. Angel Porto na cabeza, tirando, como sempre, e uns 50 detrás. Unímonos, á cola, tamén como sempre.
Subimos Urdilde e Martelo, suave. Cando estabamos a coroar, E. Mosquera, non Ezequiel, senón Enrique, é dicir, Kiko, disputou contra si mesmo unha imaxinaria meta voante, e loxicamente gañouna. E despois foise, sen máis; non sei que tiña cunha muller en Padrón.
Baixamos San Xusto. Sergio e eu freando, porque temos a teoría de que a velocidade máxima á que se pode ir en bicicleta, ao igual que á que se pode facer o outro, é 68, porque a 69 dás a volta.
Xa finalizando a circunvalación de Noia, nos adianta un coche da Garda Civil coa serea posta. Moitos pensaron que ía pararnos por exceder de non sei que número a partir do cal hai que pedir permiso, ou outro rolo. Nada diso, eran uns colegas; situaron o coche no cruce para que pasásemos sen problemas. Aos de diante, coa mosca detrás da orella, non se lles ocorreu outra cousa que parar, ata que alguén que estaba ao lado de Oscar dixo que tirasen para diante, que "acusatio non petita acusatio manifiesta", é dicir, que como permaneceramos parados lle iamos dar a idea de dicirnos algo.
Continuamos, uns a Fisterra, pola ponte, e outros, o groso dos OEAs, cara a Serra de Outes, ou o mundo de nunca xamais, sabe Deus.
Moi bo rolo; uns mellor e outros peor físicamente. A chegar a Muros paramos coa intención de tomar algo, pero niso Oliveira comentou que era bo que os que ían peor que seguisen, que os acompañaba el; os demais xa os collerían.
Non o dubidei un só instante, eu tamén seguiría, quedarse sería un suicidio. Duro ía a ser dar alcance ao primeiro grupo. A maioría pensou igual e continuamos uns 30.
Tiñamos razón, dos 20 que quedaron, cando nos neutralizaron, despois de Corcubión, como non, con Angel Porto tirando, só chegaron 6. Os outros foron quedando, esgotados, con cambras. En tan pouca distancia é moi duro recuperar os 20 minutos de vantaxe que lles levabamos.
Aproveito para render o meu particular homenaxe a Angel Porto, sempre sacrificado tirando do grupo e recuperando atrasados. O resto do noso club tamén axuda cando fai falta, pero el é unha xoia, con todo o mundo. Nesta saída non necesitei a súa axuda, pero noutras ocasións brindouma, como o outro día que fomos a subir Ézaro; á volta, nos últimos 10 quilómetros, esperoume e tirou de min (e tamén de Pequeno, aínda que el diga que me estaba a esperar).
Hoxe cheguei moi ben, co lóxico cansazo pero non esgotado e entre os 20 primeiros; supoño que algúns quedaron atrás polo sobreesforzo de neutralizarnos. Arriba estaban 2 ex OEAs, David e Fernando. Regresaron en bicicleta.
Antes, cando pasamos diante da casa dos pais de Ito acordeime do ben que nos trataron a última vez, da froita e bebidas que nos ofreceron e da caldeirada que non puido ser.
Falando de comida, durante a de Fisterra (manifestamente mellorable, sobre todo o peixe, que parecía en salgadura e o viño ribeiro branco, embotellado en Valladolid e ajerezado) falouse de organizar unha cea de nadal entre todos os clubs ciclistas de Santiago e bisbarra.
Esta crónica non a escribín eu, senón o siri do meu iphone. Seguindo os consellos que Andrés me deu o sábado no Américans, díxenlle: "escribe a crónica da xornada", e xa vedes.
Pretende estar á altura das demais, pero é difícil, especialmente do toque de humor de Oscar. Un xenio.
Falando do Americans, Juan, a hamburguesa e a pizza que levei estaban moi boas. Es un fenómeno. Niso e tamén na bici; ben, nesta cando te pos as pilas; as do cambio electrónico, claro.
Asinado: o siri do Iphone de Carlos Paz
Nota. Di Van Gaal, que non se admiten comentarios negativos, só positivos.